O PSdeG de Baralla esixirá no pleno que o alcalde e deputado provincial do PP Manuel Jesús González Capón retire as súas “graves” palabras contra as vítimas do franquismo que o popular Manuel González Capón pronunciou no último pleno municipal, no que dixo que “OS QUE FORON CONDEADOS A MORTE SERÁ PORQUE O MERECÍAN”, unhas afirmacións que os socialistas cualifican como “profundamente ferintes e inaceptables nunha sociedade democrática”, polo que pedirán “unha rectificación por respecto”.
PARTIDO POPULAR E FRANQUISMO, UNHA RELACIÓN COMPLICADA
E salientamos o de “relación complicada” porque, en realidade, estas declaracións do Sr. González Capón, contrastan, e moito, coas declaracións – diso hai xa 11 anos-, coas que o Partido Popular no Congreso dos Deputados prometía honrar a todas as vítimas. Onde quedaron esas intencións?
Para o PSdeG, as declaracións do alcalde son “totalmente desprezables” e “se non se produce unha desculpa, non farán máis que retratar a nula calidade democrática e o carácter ditatorial que acostuman a exhibir os gobernantes do PP nos concellos”. É por iso que os socialistas esixirán “unha rectificación por respecto”, porque tamén se dá a circunstancia de que estas declaracións, lonxe de sorprender, marcan unha liña de acción que non deixa indiferente a ninguén, nin sequera a moitos dos seus votantes. Non hai moito – en maio de 2013 – o Partido Popular rexeitou condenar o franquismo.
Todos lembramos o mal que lle senta ao PP a “lei de Memoria Histórica”, que “abre feridas” e supón “un diñeiral”
AS ÚLTIMAS SAÍDAS DE TONO DOS ALCALDES NA PROVINCIA
As declaracións do alcalde de Baralla, por desgraza, non son un caso illado de saídas de tono entre os dirixentes populares da provincia. Entre as últimas que temos que lamentar está por exemplo a do alcalde de Barreiros, que afirmou con rotundidade: “Las feministas lo son hasta que trabajan” nun máis que desgraciado, pero non illado comportamento do que xa falamos neste espazo, ou o alcalde de Vilalba, que rexeitou gardar un minuto de silencio no último pleno en recordo das vítimas do accidente ferroviario de Santiago, como denunciaron os socialistas, e que non proceden.
Entre as cousas que si proceden, por exemplo, emprazamos ao alcalde de Baralla a que retire as súas palabras.